O Concello adía o debate para retirar a Medalla de Ouro de Mondoñedo a Franco

O goberno popular di necesitar "investigar a veracidade" das afirmacións expresadas na moción do BNG, presentada "tres semanas antes" da celebración do pleno

Franco. AXM

O BNG de Mondoñedo denunciou este martes que a rexedora, Elena Candia, non incluíu na orde do día a moción presentada polo BNG “tres semanas antes da celebración do plenona que se pedía a retirada da medalla de ouro da cidade a Francisco Franco Baamonde e xustificou a non inclusión da iniciativa como un dos puntos a tratar porque estaban “investigando a exactitude” das afirmacións expresadas na moción.

Eloi Cabanas, voceiro do BNG no concello, volveu a presentar a moción por vía de urxencia  manifestando, que se a alcaldesa ten dúbidas do que afirma o BNG que vaia ás actas de pleno do 30 de abril do ano 1949 e do 21 xaneiro do 1958 onde primeiro se acorda por unanimidade da corporación a concesión da primeira Medalla de Ouro da cidade a Francisco Franco Baamonde e logo nove anos despois ratifícase o mantemento da distinción outorgada nun regulamento de Honores e Distincións a probado polo pleno do concello.

O BLOQUE PIDE “NORMALIDADE DEMOCRÁTICA”

A urxencia foi denegada, segundo o goberno popular. “Aínda non tiñan claro que Franco recibira a distinción e anunciaron que no caso de confirmarse que o galardón fora efectivamente concedido, a alcaldesa presentaría máis adiante unha proposta de acordo ao pleno para a retirada da medalla de ouro ao ditador”, expuxo Cabanas.

O edil do BNG tamén apuntou que unha semana antes da celebración do pleno presentou na secretaría do concello una copia dunha portada de prensa da época onde se informaba que o alcalde de Mondoñedo o 16 se setembro do 1958 fixera entrega da Medalla de Ouro da cidade ao Xefe do Estado no Pazo de Meirás; “a corporación de Mondoñedo foi a que lle concedeu os honores a Franco e é a corporación actual a que llos debe retirar”, indicou o concelleiro.

O BNG sorpréndese que con todos estes datos a alcaldesa non teña aínda claro a veracidade dos feitos. “Pedímoslle ao goberno que non adíe máis no tempo este xesto de normalidade democrática e que nos desfagamos canto antes desta sombra do pasado”, conclúe.

CEMITERIO VELLO

O pasado venres tampouco saíu a diante a moción do BNG para pechar pola noite o cemiterio vello. Cabanas manifestou que se o concello quere seguir promocionando o camposanto como atractivo cultural e turístico o goberno debe tomar “canto antes medidas oportunas” para a súa conservación, “a experiencia demostra que desde o ano 2005, cando remataron as obras de reforma, telo aberto en todo momento non garante para nada a súa protección”.

Para os populares, segundo sostén o voceiro nacionalista, pechar pola noite o cemiterio desvirtúa o concepto de parque no que foi transformado o espazo fai quince anos e entenden que poñerlle de novo as portas, “non é a liña de traballo a seguir para protexer o patrimonio” e ven outro tipo de medidas para corrixir as conductas incívicas no interior do lugar como son a instalación de cámaras de seguridade ou campañas de concienciación, solucións que o BNG considera que poden ser medidas complementarias pero nunca definitivas.

ROGO SOCIALISTA PARA MELLORAR O VALIÑADARES

A voceira socialista de Mondoñedo, Esperanza González, presentou un rogo na sesión plenaria do mes de xaneiro, na que demandou ao Concello que realice as xestións oportunas para adecentar o río Valiñadares, “xa que leva moito tempo sen auga pola rotura dunha presa pola que transcorre o seu caudal, e que afecta directamente aos canais do río ao seu paso polo Barrio dos Muíños“.

Río Valiñadares, ao seu paso polo Barrio dos Muíños. AXM

O grupo socialista de Mondoñedo tamén interpelou ao goberno de Candia sobre a rehabilitación da Capela de San Lázaro, “xa que tal como consta no seu expediente, esta obra tiña que estar executada e recepcionada oficialmente con data límite 26-12-19. Candia manifestou que o Concello solicitou a prórroga correspondente para esta subvención”, sinala González.

Os socialistas mindonienses tamén se fixeron eco das queixas dos veciños de Mondoñedo que denuncian o estado no que se atopan as pistas e as estradas que están deterioradas pola extracción de madeira. Nesa liña González lembrou que Candia mantivo unha xuntanza, o pasado 13 de xaneiro, con varias empresas forestais para programar arranxos destas pistas que están deterioradas. “Segundo nos puido confirmar a propia alcaldesa nesta mesma sesión plenaria os maderistas comprometéronse a arranxar todas as pistas do Concello”, indicou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here